martes, 28 de junio de 2022

Todo esforzo ten a súa recompensa 🏆🥳

 Ola a todos/as!! 🤗🤗

Despois de recorrer moitos camiños polo Grove e de visitar e coñecer moitos recunchos marabillosos do noso pobo, chegou o momento de poñer fin ao noso proxecto. Pero antes de despedirnos non quixemos facelo sen que os nenos e nenas tiveran unha compensación, pois xa son uns auténtic@s peregrin@s e todo esforzo merece ser recompensado. 

Por todo elo, os últimos días de clase recibiron a súa compostelana (co seu nome e o selo do cole), a súa credencial (que ían selando en cada andaina) e unha cuncha de vieira personalizada co seu nome. 

A continuación deixámosvos unhas fotografías. 





lunes, 27 de junio de 2022

5. Andaina á praia de Rons

 Ola a todos/as!! 😀😀


No mes de xuño, os nenos/as de 1º e 2º, fixeron a súa última andaina e, como non podía ser doutro xeito, estando case no verán, foron á praia de Rons. 

Saímos do cole sobre as 10.00 da mañá e, xa na praia, dividímonos en dous grupos e xogamos á pilla, ao pano, á bomba... Logo tivemos un tempo libre para poder xogar na area, construir castelos, crear debuxos e mandalas con cunchas e pedras, meternos ata os xeonllos na auga, xogar nas rocas, etc. Posteriormente, saímos da praia e fomos a merendar ao parque de "Terra de Porto" onde aproveitamos para estar un ratiño xogando ao baloncesto, ao fútbol, á comba e xogando no parque. Finalmente, regresamos ao cole. 

A continuación deixámosvos unhas fotos da nosa visita á praia e ao parque. 








domingo, 26 de junio de 2022

4. Ruta por Pedras Negras e visita á base militar

 Ola a todas/os!! 🙋‍♀️🙋‍♂️

As nenas e nenos de 1º e 2º colléronlle o gusto ás andainas e, no mes de maio, foron a facer o roteiro de Pedras Negras e aproveitaron para visitar a base militar. Neste caso foi unha saída moi interesante, tanto para mestras coma para o alumnado, pois case ningún foramos nunca a un lugar así, motivo de habelo organizado, pois recordade que o principal obxectivo deste proxecto é coñecer os recunchos do noso pobo e desfrutar do seu entorno e natureza. 

A andaina comezou na base, lugar que percorrimos a pé, tanto o exterior, onde vimos unha gran variedade de flora e fauna así como os tres cañóns que se conservan actualmente, coma o interior, onde puidmos ver os dormitorios do militares, a "cafetería" ou percorrer os túneles subterráneos. Logo saímos por un portalón que ten acceso ao paseo e alí tomamos a merenda de media mañá. Finalmente, recorrimos o todo o paseo de madeira ata chegar á praia na que comeza (nós fixémolo dende o final porque saímos pola base militar). 

Foi unha andaina espectacular, atreveríame a dicir que foi a que máis lles gustou e impresionou aos peques, pois para eles entrar na base e estar en contacto cos militares e os túneles foi algo novedoso e increíble. 

A continuación deixámosvos un vídeo para que vexades o molona que estivo esta cuarta andaina. 

3. Visitamos a aldea dos Grobits

 Ola a todos e a todas!! 🤗🤗

Como ben sabedes, na Toxa temos un lugar máxico: a nosa aldea Grobit. E como non podía ser doutro xeito, era de obrigado cumprimento que outra das andainas de 1º e 2º fora para visitala. 

Pero ben e certo que as nosas rutas non consisten solo en ir a camiñar senón que sempre facemos un xogo que as complementa e as fai moito máis divertidas. Neste caso, fixemos un Trivial da Natureza. De que se trata? Pois como o seu propio nome indica é o típico xogo de trivial pero con preguntas sobre literatura e natureza, o coidado do medio ambiente, o que levar na mochila cando saimos de ruta, etc. Ademais de ser un xogo de pistas, pois os sobres de cores estaban escondidos polo monte central da Toxa e os nenos e nenas debían encontralos para poder ler a pregunta, responderlla á mestra que ía no seu equipo e conseguir o queixiño da cor correspondente. Foi un xogo súper divertido porque aos nosos miniños e miniñas encántalles, como eles din, "facer xogos de buscar". 

Unha vez rematada a actividade tomamos a merenda e logo disfrutamos da maxia da aldea Grobit: visitamos as casiñas, lemos a lenda, ollamos a ver se aparecía algún Grobit despistado que saíra á luz durante o día e xogamos no parque. 

A continuación podedes ver un vídeo sobre o noso día pola Toxa. 


2. Imos de tendas pola rúa Castelao

Ola a todas e a todos!! 😁😁

En xaneiro tocaba saír de andaina de novo e, neste caso, fixémolo á rúa Castelao. Aínda que esta estaba programada na credencial como a primeira das rutas do proxecto, debido á necesidade de coordinación cos comerciantes do pobo, tivemos que pospoñela para o segundo lugar. 

Foi unha ruta de 10 na que lle temos que agradecer tanto aos don@s dos comercios coma aos seus empregad@s a amabilidade, dedicación e cariño coa que trataron aos nosos peques. 

Antes de comezar a andaina, había que descubrir as tendas que íamos a visitar así que as nenas e nenos tiveron que a que buscar cinco tarxetas escondidas polo patio e o parque do cole, que eran as fotos das fachadas dos comercios. 

Logo, arrincamos a ruta. Saimos do cole e ao chegar á rúa Castelao (coñecida coloquialmente como a Catorse) repartimos as tarxetas de control e fixemos dous equipos (un deles iría coa súa titora e o outro coa mestra de Educación Física). O xogo consistía en ir ás tendas correpondentes, seguindo a orde adxudicada na tarxeta de control de cada equipo (para non cruzarse entre eles) e superar as probas que alí lles esperaban (un trabalenguas, unha adiviñanza, un acertixo matemático...). Cando superaban o reto recibían un selo na súa tarxeta. O obxectivo do xogo era conseguir todos os selos. 

A continuación deixámosvos un vídeo para que vexades que ben o pasamos 🤗. 


1. Andaina ao parque da Graña

Ola a todos/as!! 🤗🤗

Os nenos/as de 1º e 2º fixeron a súa primeira andaina o 16 de decembro. Neste caso, ao Parque da Graña. 

Saimos do cole de Rosalía e unha vez que chegamos ao parque as profes deixámoslles aos rapaces/as catro opcións: xogar na pista ao fútbol ou ao baloncesto, saltar á comba, xogar ao pano ou ir ata o parque. Cada un escolleu a que quixo e, incluso, se podían cambiar de zona cando lles apetecera. Logo, fixemos un parón para merendar e xogamos outro ratiño antes do regreso. 

Foi unha andaina moi divertida que os nen@s desfrutaron, tanto durante a camiñata coma co tempo libre co que contaron para o xogo. 

A continuación deixámosvos un vídeo onde vos amosamos as fotos do noso primeiro día fóra do cole 😉



Os maiores do cole saen de ruta 🚶‍♀️🚶‍♂️

Ola a todos e a todas!! 😊😁

Como non podía ser doutro xeito, os maiores do cole (5º e 6º de primaria) deron un gran exemplo e participaron nas andainas xunto coas súas titoras e o seu mestre de Educación Física, ademais de facer outras actividades relacionadas cun estilo de vida saudable (merendas saudables e patios dinámicos; unha unidade didáctica sobre a alimentación e a elaboración dun menú saudable e a análise das etiquetas dos productos; o estudo dos diferentes aparatos do noso corpo e os hábitos que favorecen o seu coidado...). 

No que respecta ás andainas, dividíronas en tres partes: 

a) O Grove: en cada trimestre realizouse unha andaina de, aproximadamente, tres horas. Nestas visitaron distintos espazos naturais da nosa contorna: Illa da Toxa, Monte Siradella e Punta Moreiras. Ademais, na saída á Illa da Toxa visitaron o mercado, onde aprenderon sobre os alimentos frescos e saudables.  

b) Camiño de Santiago: no segundo trimestre, realizaron unha saída cuxo obxectivo consistía na realización do último tramo do Camiño de Santiago, partindo do Monte do Gozo ata chegar á Praza do Obradoiro, distancia de, aproximadamente, 5 kilómetros. 

c) Illa de Cortegada: no terceiro trimestre, realizaron un roteiro de dúas horas pola Illa de Cortegada, na que aprederon sobre as distintas especies que habitan o lugar. 

A continuación deixámosvos uns vídeos onde poderedes ver o que desfrutaron das saídas e diferentes traballos que fixeron a partir das mesmas. 






Visita aos parques do Grove 🏞😄

 Ola a todos e a todas!! 😀😀

O alumnado de 3º e 4º de primaria traballou a importancia da actividade física, a alimentación e o deporte para o noso benestar, realizando as seguintes actividades: 


1. ALIMENTACIÓN SAUDABLE

  • Merendas saudables: propúxose un horario semanal de merendas, variadas e saudables, onde predominaba a froita e a comida caseira.

  • Menú saudable : en proxectos de equipos cooperativos realizáronse as actividades de escoller o nome dos equipos relacionados cos deportes e a elaboración de menús saudables.

  • Alimentos e nutrientes: empregando a gamificacióna e as novas tecnoloxías, logo de traballar os contidos relacionados cos alimentos e os seus principais nutrientes, realizaron unha actividades cos robots, onde tiñan que guialo desde un nutriente ata os alimentos que o proporcionaban.



2. DEPORTE E SAÚDE

  • Vida activa ou sedentaria: para coñecer o estilo de vida de cada un, visionaron un vídeo explicativo, e logo fixeron unha análise do seu modo de vida, detectando se tiñan un estilo máis activo ou sedentario, como paso previo a actuar e mellorar a súa saúde.

  • Patios dinámicos: a través de varias actividades realizadas nos patios, puxéronse en valor os xogos tradicionais, así como outros realizados de maneira cooperativa (“patios dinámicos”).

  • Deportes: fixéronse slogans animando á práctia deportiva, asó como redaccións onde explicaban cal era o seu deporte favortito.

  • Andainas: coa colaboración do mestre de educación física, realizouse unha andaina por trimestre con cada curso pola contorna, valorando a actividade física, a natureza, así como o compañeirismo e a convivencia.


A continuación deixámosvos uns vídeos das andainas realizadas coas súas titoras xuntos co seu mestre de Educación Física. 







Os pequenos do cole van de ruta 👶🧒

 Ola a todos/as!! 🙋‍♀️🙋‍♂️

Os nenos e nenas de Educación Infantil tamén queren formar parte do equipo de rapaces e rapazas con estilos de vida saudable así que, uníronse a facer as rutas do Plan Proxecta. O obxectivo dos seus mestres/as era que eles coñeceran un pouquiño máis do seu pobo, tanto dos seus servizos coma dos seus marabillosos recunchos.

Na primeira saída, visitaron Correos, onde entregaron as cartas de Nadal para as súas familias; a oficina de Información e Turismo, onde lles explicaron onde estaba situado o Grove e outras zonas importantes do mesmo e a Cofradía, onde lles regalaron un libro dos Bolechas que falaba do Grove. 

Na segunda saída visitaron o Concello, onde puideron ver como funciona, quen traballa alí, as oficinas e os lugares onde traballa cada unha desas persoas, etc e, logo, continuaron ata Meloxo para facer un percorrido polo clube de remo de Amegrove. 

Por último, fixeron unha terceira saída á praia de Rons, onde se relaxaron practicando ioga. 

A continuación, deixámosvos un vídeo para que vexades que ben o pasaron e cantas cousas aprenderon sobre o Grove. 


miércoles, 22 de junio de 2022

Preparamos o noso material 🖍📑

Ola a todos e a todas!! 🤗🤗

Antes de comezar as andainas polo pobo necesitamos ter unha cousa preparada, as nosas credenciais. Así que, os nenos/as de 1º e 2º, cubriron as mesmas cos seus datos e o selo oficial do colexio 📝. Ademais, gardáronas no seu lugar, un bolsilliño que a mestra tiña preparado para cada un deles/as. 




Agora si, estaban preparadísiiiiiimoooooos para comezar 💪🚶‍♀️🚶‍♂️.